Benvid@ á Biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba), un espazo de coñecemento e lecer, de conversa, imaxinación e experiencias compartidas arredor dos libros.

mércores, 13 de xullo de 2016

IN MEMORIAM AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

"Todas as historias se tecen cos fíos da vida" e na historia de moit@s rapaces e "rapazas", lectores e lectoras galeg@s (e non só) hai e haberá fíos tecidos por Agustín Fernández Paz.
Cando "a néboa escura" e o "aire negro" se acheguen na "noite de voraces sombras" o Agustín poñeranos "unha lúa na fiestra" mentras nos conta ó noso carón "contos por palabras". As "cartas de inverno" chegarán coma o "soño do merlo branco" cun "tren cargado de misterios" pra alegrarnos o corazón.
Porque non temos "o corazón de pedra" e cremos nos "fantasmas de luz" sabemos que existen as "amizades secretas" que habitan nos andeis das nosas casas e bibliotecas. E "lonxe do mar", no "centro do laberinto" de cada un de nós, "os gardiáns do bosque" e "as fadas verdes" afastarannos d"as fronteiras do medo".
"Non hai noite tan longa" que impida chegar á "praia da esperanza". E "desde unha estrela distante" o noso Agustín virá "cos pés no aire" sentado nunh"a nube de cores". Nin "as fantasmas do corredor" nin "os corredores de sombras" borrarán "o rastro que deixamos" e saberemos por sempre, como se fose un mantra ou o lema esculpido na nosa tumba, que "o único que queda é amor"; amor sen dúbida e sen tregua pola lingua, a cultura, os libros e a imaxinación o que nos deixa Agustín Fernández Paz.
A biblioteca e todo o IES Lois Peña Novo de Vilalba no seu recordo e agradecemento.


Nota: todo o texto entre comiñas son frases e/ou títulos de Agustín Fernández Paz. As imaxes coas que ilustramos este recordo son do neno Agustín estudando e de romaría na súa Vilalba natal ademais dun retrato máis recente, todas recollidas na súa páxina web oficial.






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...