Lembra que estamos colaborando coa campaña de recollida de xoguetes e libros para nenos e nenas que desenvolve a Cruz Vermella. Non deixes pasar a ocasión de rematar o ano de maneira solidaria! Pon o teu gran de area para espallar felicidade!
Benvid@ á Biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba), un espazo de coñecemento e lecer, de conversa, imaxinación e experiencias compartidas arredor dos libros.
Páxinas
luns, 12 de decembro de 2016
martes, 29 de novembro de 2016
Primeira xuntanza do Club de lectura: Oscar Wilde
Primeira parada da #voltaómundoen8libros, Reino Unido cos contos de #OscarWilde.
Únete ó #clubdelectura #NósTamén!
Este curso dámos a volta ó mundo!
sábado, 12 de novembro de 2016
Música para un magosto
Onte foi o noso magosto, un espazo de conversa e risos,
castañas asadas no patio por profes e alumn@s, xogos populares que nos prestou
a Liga Santabaiesa exhibición de dous coches clásicos restaurados... e a banda
sonora que nos preparou a nosa biblioteca. Música en galego para un encontro
festivo, a biblio LPN fai distintas listaxes de reprodución no YouTube para
acompañar lecturas, difundir a nosa música e espallar unha maneira distinta de
achegarse ó mundo da literatura. Aí tedes a banda sonora do noso magosto,
gozade dela!
venres, 28 de outubro de 2016
Volta ó mundo musical
A volta ó mundo literaria do noso club de lectura compleméntase con outras voltas ó mundo que imos facer, unha delas a través da música. Esta é a primeira proposta, pero haberá máis. Queres propoñernos a túa propia volta ó mundo musical? Lembra cales son as 8 estacións xeográficas: Reino Unido, Francia, Mediterráneo, África, Oriente Próximo, India, Xapón e Estados Unidos. Se nola compartes ou a achegas pola biblioteca, has ter unha boa recompensa. Feliz ponte! Énchea de ilusión, libros e música!
xoves, 27 de outubro de 2016
Club de lectura "Nós tamén" 2016-2017
Bota a andar o club de lectura Nós tamén, do LPN. Este ano un club temático no que daremos a volta ó mundo en 8 libros. Comezamos cunha selección de contos de Óscar Wilde que xa podes vir buscar pola biblioteca. Enrólate nesta aventura!
O mundo do motor nos talleres e na biblioteca
O mundo do motor nos talleres e na biblioteca do IES Lois Peña Novo. Unha selección temática con moitos cabalos!
luns, 3 de outubro de 2016
mércores, 13 de xullo de 2016
IN MEMORIAM AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
"Todas as historias se tecen cos fíos da vida" e
na historia de moit@s rapaces e "rapazas", lectores e lectoras
galeg@s (e non só) hai e haberá fíos tecidos por Agustín Fernández Paz.
Cando "a néboa escura" e o "aire negro"
se acheguen na "noite de voraces sombras" o Agustín poñeranos
"unha lúa na fiestra" mentras nos conta ó noso carón "contos por
palabras". As "cartas de inverno" chegarán coma o "soño do
merlo branco" cun "tren cargado de misterios" pra alegrarnos o
corazón.
Porque non temos "o corazón de pedra" e cremos nos
"fantasmas de luz" sabemos que existen as "amizades
secretas" que habitan nos andeis das nosas casas e bibliotecas. E
"lonxe do mar", no "centro do laberinto" de cada un de nós,
"os gardiáns do bosque" e "as fadas verdes" afastarannos d"as
fronteiras do medo".
"Non hai noite tan longa" que impida chegar á
"praia da esperanza". E "desde unha estrela distante" o
noso Agustín virá "cos pés no aire" sentado nunh"a nube de
cores". Nin "as fantasmas do corredor" nin "os corredores
de sombras" borrarán "o rastro que deixamos" e saberemos por
sempre, como se fose un mantra ou o lema esculpido na nosa tumba, que "o
único que queda é amor"; amor sen dúbida e sen tregua pola lingua, a
cultura, os libros e a imaxinación o que nos deixa Agustín Fernández Paz.
A biblioteca e todo o IES Lois Peña Novo de Vilalba no seu
recordo e agradecemento.
Nota: todo o texto entre comiñas son frases e/ou títulos de
Agustín Fernández Paz. As imaxes coas que ilustramos este recordo son do neno
Agustín estudando e de romaría na súa Vilalba natal ademais dun retrato máis
recente, todas recollidas na súa páxina web oficial.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)