Benvid@ á Biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba), un espazo de coñecemento e lecer, de conversa, imaxinación e experiencias compartidas arredor dos libros.

martes, 16 de maio de 2017

Letras Galegas 2017 no LPN

Estreamos xa onte a programación das Letras Galegas do Lois para este ano. Música, imaxe, deseño, e as actuacións de Lois Pérez e de Aldaolado. Moita ilusión, moitas palabras, moito pra facer e gozar coa biblioteca do noso IES.


domingo, 23 de abril de 2017

Día do libro con propostas de concurso

Neste día do libro queremos animarvos a coller un e abrirlle a porta a un mundo de palabras, soños, coñecementos, sentimentos e diversión. A nosa biblioteca é un bo sitio para achegarse á aventura lectora e nesta primavera achéganos ademais os habituais concursos, que amplían prazo de presentación ata o venres 28. Publicamos como exemplos varias propostas presentadas para os tres concursos que temos abertos:
1. Microrrelato sobre unha cor, neste caso o azul e en imaxes o verde e o violeta:
"O pobo famento ergueuse e fixo de fouciños as súas armas.
O corpo do rei apareceu tombado nunha sala do palacio.
O seu sangue non era azul."
2. Imaxe do agromar da primavera.
3. Texto libre sobre un animal ou unha planta, neste caso son os carballos os presentes:
"Á beira do río, o vento baila coas copas dos carballos, nunha danza maina que semella infinita… Os seus ollos, que son de tantas cores, míranme hoxe desde un azul claro que me acolle e me abala.
As súas palabras, doces, mestúranse cos meus silencios mentres os carballos son testemuñas, tamén mudas, do amor que lle achego…"
e ou este que baixo o título "Vaia animalada" trata de varios animais:
"Os paxaros cantáronlle ó sol con forza, con forza de gratitude, con gañas de apartar o frío das plumas. Xa de mañanciña cantaron, e aló polo mediodía saquei a barriga ó sol. Escoita, iso que soa son os paxariños, hanche gustar cando esteas aquí fóra.

Á tarde subín a Castroverde. En San Paio quedaban as cigoñas no seu niño, arrimadas unha á outra no luscofusco, no alto, metidiñas no seu loft con vistas ós soutos e ás carballeiras.

Saíu o raposo do seu tobo, ha de andar ás galiñas, o rabo gordo foxe das luces da estrada carreiro arriba.

E xa no pico das curvas de San Miguel, con máis présa ca min, o esquío agavea polo piñeiro.

Vaia animalada atopo hoxe no meu camiño, casualidade? o espertar desta primavera a destempo? ou é que se me presentaron os personaxes dun conto diante dos meus fuciños e eu non sei cal é a súa historia? Terei que inventala…".

ANÍMATE A PARTICIPAR!




xoves, 30 de marzo de 2017

Xa é primavera na biblio do Lois

É primavera na biblioteca do Lois. Prepara o cambio de estación con nós. Ponte guap@ lendo, escribindo, imaxinando... Empezamos a primavera con #landart e #cores nosa gaiola de soños. Espazos pra soñar, tempo de letras e imaxes. Participa nos concursos xa abertos desde hoxe:
1. Escribe un microrrelato (máx. 140 caracteres) no que apareza unha cor do arco da vella: amarelo, laranxa, vermello, azul, verde ou violeta.
2. Presenta unha fotografía do agromar da primavera.
3. Escribe un texto libre sobre unha planta ou un animal.

Entrega cun pseudónimo na biblio, no mail biblio.LPN@gmail.com ou no facebook do IES LPN. O microrretalo tamén podes envialo ó twitter @biblioLPN coa etiqueta #cores

Os premios serán fantásticos e moi orixinais. O prazo pra presentares a túa participación a calquera das tres modalidades (ou a dúas, ou ás tres...) é ata o 23 de abril.








mércores, 22 de marzo de 2017

Textos de amor, agasallos amorosos

Entramos na primavera e van chegar novas propostas no Lois e imos pechando outras: aquí tedes as fotos dos textos presentados e dos agasallos á participación no concurso de textos de amor, e os agasallos ós gañadores, Fina Paulos e Miguel Díaz, nunha reñida final que decantou o xurado pola estética da presentación de Fina ó presentar o seu poema dentro dunha caixa corazón tamén feita por ela.

Nos próximos días... novas propostas e ambientes lectores no IES LPN.











luns, 13 de marzo de 2017

8 de marzo, día da muller traballadora

Desde a biblioteca do Lois preparamos para conmemorar o día da muller traballadora unha nova selección de libros e películas. CHANZO a CHANZO acadaremos o RECOÑECEMENTO e a IGUALDADE. Camiño de mulleres ese mais tamén de homes. Lisístrata, Mafalda, as sufraxistas, Jane Austen, Marjane Satrapi, as mulleres da II República, Chimamanda Ngozi Adichie, María Pita, Harper Lee, as 13 rosas, Olympe de Gouges... muller a muller onte, hoxe e mañá. E con elas todas nós: Cristina, Nerea, Lorena, Carmen, Begoña, Ángeles, Esther, Miriam, Paula, María, Eva, Susana, Natalia, Yolanda, Isabel, Loli, Alexandra, Amparo... no Lois e fóra do Lois no camiño cara a IGUALDADE acompañadas tamén das que xa non poden camiñar mais están na nosa memoria e na nosa loita por rachar límites e teitos de cristal.











Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...